Exposición Colectiva "A Ría na Rúa" - Paseo do Porto de Ferrol, do 3 ao 9 de Xuño de 2011

segunda-feira, junho 06, 2011 por Saúde e Liberdade !


O Día Mundial do Medio Ambiente son moitas as voces que reclaman que Reganosa deixe de ser un perigo para a Ría e para a Vida. A exposición A RÍA NA RÚA, únese a esas voces para gritar “PLANTA DE GAS FORA DA RÍA” convertendo as palabras e as accións, en cores e formas que mostran a emoción e a forza deste movemento cidadá que pretende recuperar a Ría e defender mais de 100.000 vidas ameazadas.

A vida destes murais comezou o 25 de Outubro de 2008, cando o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, convidaba a 10 artistas a pintar en varias prazas públicas de Ferrol, baixo o lema "A Ría na Rúa". Naceron así estes 10 murais de 3,10 por 2,00 metros da  man de María Manuela, Miguel Anxo Varela, Leandro Lamas, Víctor Novás, Rafael Nadales, Suso Basterrechea, Carmen Martín, Eduardo Hermida, Ladislao da Regueira e Gustavo Sequeiro.

Esta exposición representa ademais a confrontación dos valores que identifican a estas dúas partes en conflito: a cidadanía fronte aos especuladores, promotores e quen os apoia. Así, estes murais aséntanse na XENEROSIDADE fronte ao egoísmo do beneficio sen límites; a SOLIDARIEDADE fronte ao individualismo dunhas actuacións económicas que destrúen o ben colectivo; a TRANSPARENCIA fronte á corrupción de quen non dubida en violentar a legalidade e utilizar as institucións democráticas para favorecer os seus intereses.

Tamén, a nosa Ría, que nos ten dado tanto, reborda por uns días, nestes murais no paseo portuario, para unirse a todas as persoas de ben que, neste Día Mundial do Medio Ambiente, reivindicamos os dereitos ambientais, ameazados no que nos é mais próximo, por REGANOSA.

PLANTA DE GAS FORA DA RÍA!

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org




___________________________

Enlaces relacionados:
_____________________________

Marcador | 0 Comments