Coa inestimábel axuda de dez artistas plásticos da nosa cidade, totalmente desinteresada, e coa colaboración da Concellaría de Cultura, temos deseñada esta actividade. Dez prazas da nosa cidade van ver como, desde un suporte baleiro, xurde unha obra de arte, enriquecéndonos a tod@s.
Son tempos difíciles, pero non podemos amolarnos. A busca cega do beneficio, e a venda absurda e mentirosa de postos de traballo a cambio do noso futuro, estanos a levar a un pozo sen fondo. A Planta de gas é o exemplo máis claro, aínda que, lamentabelmente, non único. Mais nós somos a xente, o pobo, a cidadanía e imos reaxir. Axuda tamén, un pouco de alegría e reflexión para os sentidos e para o espírito; iso é a arte, esa grande creación humana.
A ría, que nos ten dado tanto, vai verter e por uns días, adentrarase terra adentro. Tod@s sabemos que non existiría Ferrol sen ela... non nos suicidemos.
Camiñaremos, avaliaremos, gozaremos da arte e remataremos o dia 1 cun magosto. Un magosto para conxurar a morte coa alegría de vivir. Entre os cadros murais, as gaitas, os aturuxos e as castañas, tamén matinaremos sobre o que non pode ser. Acudide, estades na vosa casa.
Relación de nomes d@s artistas
1 - María Manuela: Centro Cívico de Caranza.
2 - Carmen Martín: Praza de Ultramar.
3 - Novás: Praza do inferniño.
4 - Miguel-Anxo Varela: Praza do Himno Galego.
5 - Suso Basterrechea: Praza de España.
6 - Eduardo Hermida: Praza de Canido.
7 - Nadales: Praza do Concello.
8 - Ladislau da Regueira: Praza da Constitución.
9 - Spela Trobec [sustituida por Gustavo Sequeiro]: Praza de Amboaxe.
10 - Leandro: Praza Vella.
O Roteiro
O roteiro que percorre as dez prazas, empezando por Caranza ás 11:30hs. e rematando no peirao.
As pinturas ficarán en exposición toda a semana nas prazas e o día 1 de novembro, nunha exposición colectiva no Cantón con un Magosto popular con castañas viño e música.
Dende o ano 1999, en ausencia e sen amparo das Administracións
Reganosa é unha ameaza para a vida humana e o medioambiente e pode chegar a converterse nunha enorme traxedia, no caso dun accidente na Planta ou no gaseiro. Nesta ubicación, dentro da Ría, con 40.000 habitantes ao redor, non hai Plan de Emerxencia capaz de facer fronte a catástrofe que provocará, adosado como está ademais ao Complexo Petroquímico, “Forestal del Atlántico”.
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol dende ano 1999, en ausencia e sen amparo das Administracións, veuse na obriga de defender a Vida, a Ría e a Legalidade ameazadas pola construcción da Planta de Gas de Reganosa. Hai tres sentenzas favorables do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirman que Reganosa está baseada nunha flagrante ilegalidade e non cumpre coa normativa esixida para a construcción deste tipo de instalacións. Dúas sentenzas anulan a falsa tramitación ambiental que fixo Reganosa. A terceira sentenza anula o cambio de usos dos terreos nos que se construíu a Planta. A modificación do Plan Xeral de Ordenación de Mugardos, feita polo Concello, que serviu para que se instalara a Planta, é ilegal como ven de sentenzar dito Tribunal.
A regasificadora entrou ilegalmente en funcionamento o 4 de maio de 2007, como ilegais tamén foron as entradas na Ría dos 31 gaseiros que abasteceron, ate o momento, a Planta.
O pasado 6 de xuño o gaseiro “LNG Rivers”, a causa do forte vento, tivo que abortar a primeira entrada na Ría, facendo unha perigosa manobra. Ante este feito o Comité Cidadán pediulle ao Ministerio de Fomento, aclaración do acontecido. Na súa explicación o Ministerio asume o incumprimento da normativa que regula a entrada de gaseiros, antepoñendo os intereses de Reganosa as nosas vidas e seguridade.
Estamos diante do maior fraude cometido no noso país coa escusa de que o gas é estratéxico para Galicia. Pretexto que como vemos queda invalidado pois, como recollen os medios de comunicación estes días, o capital vende ao mellor postor e Reganosa pode pasar de capital galego a catalán, italiano,... Mentres a Administración e o Goberno fan caso omiso das Sentenzas dos Tribunais. O Comité vai chegar até o final, que non pode ser outro que o de que Reganosa e a súa planta de gas se vaian fora da ría de Ferrol.
Difundir:
Para acceder ou baixar a propaganda da campaña:
______________
0 comentários:
Postar um comentário